Crónica da Patria

Quixen deixar pasar uns días para facer unha reflexión do que foi este Día da Patria 2008. Cumpría aclarar as ideas e botarlle un ollo aos principais xornais electrónicos e en papel antes de facer comentario algún. Gustaríame comezar este pequeno artigo collendo un anaco dunha noticia que saíu publicada en El País o día despois da nosa festa nacional. Asinaba un tal Daniel Salgado e tanto o primeiro parágrafo coma o último non teñen desperdicio.



Hay una consigna que, en la manifestación que el BNG celebra por el Día da
Patria, continúa siendo la más unánimemente coreada: "Galiza ceibe / poder
popular!". Y aunque desde el palco de la dirigencia tienden a suprimir la
segunda parte del pareado -Anxo Quintana terminó su discurso con un sonoro "viva
Galiza ceibe!, viva o BNG!"-, y los gritos a favor de la independencia se
multiplican, la heterogénea masa del partido acalla discrepancias recurriendo a
la palabra de orden histórica. Ayer, en A Quintana de Santiago de Compostela
hubo más de 15.000 personas detrás de una pancarta con el lema "Creemos en
nuestro País".
(...)
El que, según especulaban estos días columnistas
cercanos a la cúpula del BNG, pudo ser el último Día da Patria tal y como era
conocido hasta ahora, contó con las habituales adhesiones de partidos de todo el
mundo. La lectura de las siglas, en voz de la secretaria general de Galiza Nova,
Iria Aboi, sirvió para tomar la temperatura política de la organización
mayoritaria del nacionalismo gallego. Si a la mención de Unió Democràtica de
Catalunya la recibió una mezcla de indiferencia y abucheos, al saludo del
Partido Comunista de Cuba lo siguió una ovación estruendosa. "¡Cuba sí, yanquis
no!". Y una parte de la militancia juvenil proclamaba: "A nosa estrela / é
vermella!". El País 26/7/08



Coido que estes dous anacos do texto de Daniel Salgado son moi ilustrativos do que eu palpei neste Día da Patria 2008. A cada ano que pasa, hai unha maior diferenza entre a dirixencia quintanista e a militancia de base. Mentres que o Portavoz Nacional defende un discurso fundamentado no papel do BNG nas institucións e de carácter moi descafeínado tanto na cuestión nacional como no baremo esquerda-dereita; as bases manteñen o carácter autodeterminista e popular que sempre caracterizou ao Bloque. Este ano foi a primeira vez que escoitei na Praza da Quintana berros que amosaban o malestar de moita xente con certas decisións que ven tomando a dirección nacionalista. O ter substituído a tradicional estrela vermella por un eslamiado azul non sentou moi ben no conxunto dunha militancia que aínda cre que o poder popular ha de ser unha reivindicación básica do nacionalismo. De aí que un sector das mocidades decida non manter a disciplina dos seus compañeiros e berrar sen traba algunha “a nosa estrela...é vermella”. Asemade, resulta moi interesante ver como reaccionou o público perante as delegacións convidadas. Mentres que os nosos compañeiros de Galeuscat recibiron bastantes apupos, o Partido Comunista de Cuba ergueu tódalas voces nun enxordecedor “Cuba si, ianquis non!”. As diferenzas entre UDC e os revolucionarios cubanos son evidentes. Con quen está o BNG? Que nolo diga Quintana. Aínda que se cadra estaba moi ocupado gañándose el tamén os apupos do público. Que sorpresa levamos tódolos alí presentes cando o noso Portavoz Nacional nos espeta un “representación do BNG no vindeiro parlamento GALLEGO”. Pódese dicir que é un lapsus, que lle pode ocorrer a calquera, se ben a realidade é que non lle ocorreu a Beiras, senón a el.


En definitiva, coido que a día de hoxe Quintana non representa dentro do BNG a ninguén máis que á xente vinculada á Xunta e ao resto de institucións nas que temos presenza. É necesario reflexionarmos sobre cara onde vai o BNG e se o camiño que está a seguir é o que queremos. Antón Losada, nun artigo en A Nosa Terra dicía que o Bloque tiña que decidir se está preparado para ser un partido de goberno e deixarse das lerias pre/post-revolucionarias que defenden a UPG, Camilo e Beiras, é dicir, de avanzar directamente cara a homologación co resto de forzas políticas. De asumir ao 100% os postulados quintanistas.

Italia doe



Non é doado para alguén que, coma min, profesa unha profunda admiración pola esquerda italiana, asimilar que após décadas de loita, os comunistas se converten nunha forza extraparlamentar. Nas eleccións de 2006, a esquerda transformadora de Rifondazione Comunista, do PCdI , de Sinistra Democratica e dos Verdes concorreron nunha ampla coalición progresista chamada a Unión. Representaron 3.898.394 dos 19.002.598 do obtidos pola plataforma electoral e un 10,22% do total do electorado. Desta volta, e co goberno de Prodi polo chan, a esquerda non chegou a ningún acordo co Partido Democrático (PD) de Veltroni, polo que se presentaron ás eleccións nunha candidatura unitaria encabezada polo comunista Fausto Bertinotti. Sinistra Arcobaleno, foi o nome escollido para este proxecto común, que combinaba o estilo transformador da esquerda italiana, co ecosocialismo que propugnan Os Verdes. Pero un proceso electoral, é terribelmente danino cando está a nacer unha iniciativa unitaria como esta. Era previsíbel unha baixada no número de votos por diversos motivos. En primeiro lugar, pola polarización propugnada polos dous principais aspirantes á presidencia: Silvio Berlusconi e Walter Veltroni. A ámbolos dous líderes combíñalles impulsar un sistema de tendencia bipartidista similar ao que semella consolidarse no Estado Español. En segundo lugar, lembrar que todos os partidos da esquerda participaron no goberno de Romano Prodi, o que lles custou un enorme desgaste como se puido ver na vitoria de Berlusconi. Por outra banda, e tal e como se indicaba nun interesante artigo de Rudi Ghedini no Le Monde Diplomatique deste mes, o abandono por parte de partidos como Rifondazione ou o PCdI do símbolo histórico da fouce e o martelo, puido ser unha experiencia traumática para parte do electorado. Non temos máis que ollar atrás e ver o que lle ocorreu ao Partido Comunista de Italia (PCI) cando en 1991 decidiu levar a cabo aquela funesta "transformación" que o adaptase aos novos tempos. Por último, sinalar que tampouco a Sinistra Arcoballeno no seu conxunto o fixo todo o ben que debera. Segundo Rudi Ghedini, incumpliu a súa promesa de facer este proxecto participativo e aberto e quedou todo moi restrinxido ás elites dos catro partidos que conforman a coalicion, especialmente a redacción do programa electoral. Ademais, non podemos esquencer que non foron quen de atraer a esa importante grupo social, que representa a esquerda non aliñada con ningún partido, que debeu ter sido un dos obxectivos prioritarios da Sinistra Arcobaleno.

O resultado? Unha caída de tres millóns de votos e a desaparición da esquerda do parlamento italiano. Após décadas sendo un referente do comunismo democrático para todo o mundo, ese movemento que tanta forza tivo nos anos 80, queda relegado a unha posición case marxinal. Teremos que agardar para ver se serán quen de recupearse e reconstruír o proxecto transformador do que sempre foron bandeira, ou se isto supón enterrar para sempre o que Gramsci iniciou hai xa case 90 anos.



"Compagni, proseguite il vostro lavoro... casa per casa... strada per strada..."
Enrico Berlinguer

Moito teño escoitado falar ultimamente da independencia dos movementos sociais. En canto unha determinada plataforma, organización ou colectivo cívico empeza a coller certa forza, comezan a proliferar as voces disidentes que critican a progresiva asimilación do movemento por parte dun partido ou organización política. Pasou con Nunca Máis!, coa plataforma Non á Guerra, cós CAF ou coas Asembleas de Estudantes. Pero eu pregúntome..


Que ven sendo iso da "independencia dos movementos sociais"?

Poderiámolo definir como a autoorganización da sociedade civil lonxe da tutela de organizacións políticas. Porén, a experiencia demóstranos que isto non é outra cousa que unha quimera. Hai unha serie de movementos e colectivos nos que o seus integrantes adoitan ter un certo compromiso político e que comulgan en maior ou menor medida cun determinado partido ou organización. Esta tendencia vése reflectida na liña ideolóxica do propio colectivo. Poñendo exemplos reais, podemos ver a semellanza programática que teñen a CIG ou os CAF có BNG.

Por outra parte, tamén cómpre sinalar que os militantes dunha organización política, tenden a afiliarse aos mesmos colectivos, xa que é un xeito de estender a forza e a ideoloxía do propio partido. Continuando có exemplo de antes, podemos ver como moitos militantes do BNG e de Galiza Nova participan tamén nos CAF e na CIG, e como estas organizacións poden servir á súa vez de ponte para entrar no BNG.

A experiencia tamén nos demostra como os dirixentes políticos adoitan copar os cargos máis importantes dos movementos e colectivos nos que participan. Con todo, é algo que non nos debe extrañar, xa que poderiamos dicir que é unha tendencia natural. Unha persoa "curtida" na acción política terá unha maior capacidade de dirección e ocupará sempre os cargos de maior responsabilidade.

Con isto quero dicir que hai unha serie de movementos (sindical, estudantil, xuvenil...) que tenden a politizarse e rematan asociados a algún partido ou organización. É un trazo que por moito que queiramos, non poderemos evitar, pero que ten consecuencias moi positivas, xa que esa "simbiose" en moitas ocasións permite que os movementos pervivan, nutríndose de militantes e simpatizantes das organizacións políticas.

Pero o máis criticado polos amigos da "independencia dos movementos sociais", é que nas reunións das organizacións políticas, se decidan as posturas dos colectivos cívicos. Isto tamén é algo normal e inevitábel. Parémonos a reflexionar. Se un partido participa activamente nunha asociación, é lóxico que decidan unha postura común. Até hai ningún problema. Pero claro, como teñan a maioría...daquela chámaselle dirixismo.

Estamos en obras

Non sei se será porque ultimamente estou completamente rodeado de obras (están a construír unha autoestrada na metade da miña rúa), pero deume por remodelar un pouco isto. Se ao longo destes días vedes cousas raras coma que muda o cabezallo cinco veces en tres minutos, ou que aparecen as ligazóns descolocadas, non vos preocupedes, está todo controlado. Cando estea rematado xa porei unha enquisa para ver que vos parecen as novidades. Por outra parte, como todo o tempo que dedicaría en situacións normais a escribir o estou empregando na remodelación, non esperedes artigos novos.

Desculpade as molestias ;)


Envolto en polémica e cun chisquiño de morbo. Así era como viamos o concerto de Banda Bassotti. Habería alguén da AVT? Cargaría a policía? Montaríana os de Nós-UP? Moitas eran as posibilidades que barallabamos de camiño ó parque Raíña Sofía de Ferrol. Previa parada no Arume a comer uns bocatas (inmesos e moi baratos), chegamos ao concerto cando xa estaba a rematar a actuación de Retobato. Unha mágoa porque polo que poidemos escoitar tería pagado a pena. Unha vez rematados os naroneses, saltan a escena La Sentina. Ao principio sonaban ben, pero remataban por facerse pesados. A iso das 23.30 ou 00.00, chega o momento que todos estabamos agardando: Banda Bassotti saltan ao escenario. O que máis me chamou a atención nun primeiro momento foi a cantidade de instrumentos que tocaban: dúas guitarras, un baixo, unha batería, dúas trompetas, un saxo, un trombón, unha voz solista, unha secundaria e case todos facían coros. Na primeira parte do concerto, interpretaron principalmente cancións do seu último disco, Vecchi Cani Bastardi, tales coma Coccodé, B.B. Boy, Revolution Rock ou Tartamundo Ska. Porén, ían intercalando grandes clásicos coma Avanzo de Cantiere, Beat Ska Oi!, Carabina 30-30, Stalingrado, Que Linda es Cuba, L´altra Faccia del Impero ou Mockda 993.


Por outra parte, cómpre sinalar que Banda Bassotti teñen un directo incríbel. Cós músicos movéndose por todo o escenario, cunha simpática coreografía por parte do cuarteto de metais e sacando a relucir constantemente algunha bandeira. Deste xeito, pasaron polo escenario unha estreleira, unha repúblicana, unha comunista e a do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol. Porén, nunca chove a gusto de todos, polo que a bandeira da República desatou a furia dalgúns sectores do público (os de Nós-UP, que viñan da homenaxe a Moncho Reboiras), chegando a cuspirlle e finalmente rachala. Pero non vos vaides crer, houbo un ambiente moi bo, sen ningún tipo de problema, nin entre os que asistiamos ao concerto, nin coa AVT. Malia todo, segundo informan na web de Primeira Linha, houbo un intento de montar unha mesa "informativa" na entrada, pero que finalmente foi repudiada polos asistentes.

Chegando ao final do concerto, sonaron os grandes clásicos Luna Rossa e Bella Ciao, rematando así unha fantástica noite de música ska. Lamentabelmente (coido que para evitar problemas) non houbo bises, e remataron baixando a saúdar ao público e retirándose aos camerinos. Non sen antes, contemplar unha fugaz aparición no escenario de Iolanda Díaz, concelleira de cultura.

A posteriori, entereime de que un grupo de fascistas se concentraran diante do hotel no que estaban hospedados Banda Bassotti, sendo necesario chamar á policía. Xa sabía eu que algo ía pasar.




;;
Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column