
Onte foi 25 de abril, e como en moitos outros sitios, na facultade de Ciencias da Comunicación conmemoramo-la Revolución dos Caraveis. Fómolos CAF os encargados de facelo.
A iso das 12:00, puxemos Grandola Vila Morena e comezamos a repartir caraveis, trípticos e pegatas. A xente estaba abraiada ao vernos repartir flores, pero coido que logramos dicirlle á xente que algo pasou hai 33 anos en Portugal.
Xa pola tarde, proxectamo-la película Capitáns de Abril e contamos coa presenza de Margarita Ledo Andións, quen nos deu a súa visión da Revolución, do filme e nos falou das súas vivencias persoais.
A continuación, trancríbovos o tríptico que repartimos. Escribino eu, por iso o poño aquí, a ver que vos parece.
Os CAF e o 25 de abril
Hoxe é 25 de abril. Para moitos, un día máis no calendario. Pero para outros, tempo de soños e esperanza.
Hai 33 anos, un día coma hoxe, o pobo portugués dáballe unha lección ao mundo rematando con 48 anos de ditadura. Eran tempos de cambio, de revolución, era o momento de trocar as pistolas por flores. Era a Revolución dos Caraveis.
Portugal demostrounos en 1974 que as anceios de liberdade dunha nación son máis fortes que as armas. Fixo calar a aqueles que dicían que unha revolución en Europa era algo anacrónico. E o que é máis importante, conseguiu quebrar o xugo do fascismo e construír un país máis xusto e máis libre para vivir.
Os CAF, sempre comprometidos cós valores da esquerda, queremos conmemorar esta data de loita e esperanza. Queremos que o espírito de abril volva a encher os peitos do estudantado. Para iso, organizamos un cine-forum no que proxectaremos a película “Capitáns de Abril”. Contaremos coa presenza da catedrática Margarita Ledo Andión, e terá lugar na aula de visionado 2 ás 16:30 horas.
Breve historia da Revolución dos Caraveis
O 28 de maio de 1926, un golpe militar inaugura un novo período na historia de Portugal: a ditadura fascista de Oliveira Salazar. En 1933 redáctase unha constitución na que se crea o “Estado Novo”, un réxime autoritario e corporativista que empregou un potente aparello represivo e de propaganda para estabelecer o seu dominio sobre a sociedade.
Un dos piares fundamentais nos que se sostiña o réxime, era no mantemento das “provincias” de ultramar, símbolos da “grandeza” do Imperio Portugués. Pero a aparición de movementos independentistas nas colonias de Angola, Guinea e Mozambique, tivo consecuencias moi prexudiciais para a ditadura. En primeiro lugar, os gastos militares aumentaron considerabelmente, convertendo a guerra colonial nunha lacra para a economía portuguesa. En segundo lugar, recrutouse a unha gran cantidade mozos para ir a combater ás guerrillas independentistas. Pero estas cada vez eran máis fortes e causaban unha gran cantidade de baixas no exército portugués, aumentando a impopularidade da Guerras Colonial.
O descontento coa guerra canalizouse a través dun grupo de capitáns do exército que se agruparon en torno ó Movimento das Forças Armadas (MFA). Este grupo pretendía pór fin dunha vez por todas á Guerra Colonial e rematar coa ditadura en Portugal. Durante algo máis dun ano, artellouse unha estrutura clandestina que preparaba un golpe de estado para depór a Marcelo Caetano (que ocupaba o posto de Salazar dende 1968).
No dia 24 de Abril de 1974, ás 22h 55m é transmitida por radio a canción "E depois do Adeus", de Paulo de Carvalho. Este foi un dos sinais previamente acordados polos revolucionarios e daba incio á primeira fase do golpe de estado.
O segundo sinal foi dado ás 0h20 m, cando foi transmitida a canción "Grândola Vila Morena", de Zeca Afonso, na Rádio Renascença, que confirmaba o golpe e marcaba o inicio das operacións. Ao pouco, varios rexementos saen á rúa, ocupando as posicións claves do país sen atopar oposicion. Ao longo da noite e principalmente na mañá, comezáronse a sumar á Revolución xente allea ao mundo militar. O pobo saiu á rúa para pór fin a 48 anos de ditadura. No canón de cada fusil, un caravel.
Portugal despois do 25 de abril
A Revolución dos Caraveis trouxo consigo importantes cambios. O máis inmediato foi a liberación dos presos políticos e o recoñecemento dos dereitos e liberdades individuais, pero os gobernos de esquerdas que a sucederon continuaron coa revolución aplicando importantes políticas económicas e sociais para transformar Portugal. Nacionalizáronse os sectores produtivos claves e iniciouse unha profunda reforma agraria. Malia todo, a oposición de socialdemócratas e conservadores botou por terra os avances revolucionarios ao levar de novo a dereita ao poder.
Capitáns de abril
Capitáns de abril é unha película da directora portuguesa María de Medeiros, na que se narra a historia de dous capitáns e unha xornalista que participan activamente na Revolución. Proxectando este filme, os CAF pretendemos dar a coñecer entre o estudantado dun xeito lúdico un feitos que, no noso parecer, non deben caer no esquencemento. A proxección será o 25 de abril, ás 16:30 na Aula de Visionado 2
SEMPRE 25 DE ABRIL
Etiquetas: Comités, Esquerda, Marxismo, Universidade
Xa pasaron 11 días dende que se celebrou a X Asemblea Nacional de Galiza Nova. Malia que non asistín (aínda non milito), máis ou menos sei por onde foron os tiros
En fin, cousas de XAN
Etiquetas: Galiza Nova, Nacionalismo

Hoxe tiña varias cousas sobre as que escribir: a proposta de ERC para o referendum da autodeterminación, as eleccións no Quebec ou a patada que lle diron ao impresentábel do Foro de Ermua. Pero resulta, que indo aos arquivos de principios de mes de Vieiros, vin unha noticia que me horrorizou de tal xeito, que non fun quen de evitar escribir unhas liñas para expresa-la miña indignación. O titular di o seguinte: BRASIL QUERE PROHIBI-LA FOLGA EN SECTORES PÚBLICOS
Para unha persoa de esquerdas coma min, ver a Lula da Silva facer este tipo de cousas non fai senón decepcionarme e aumenta-lo meu escepticismo fronte a esa caste que dirixe os movementos esquerdistas. É triste ver a unha persoa que ven da loita sindical, que no seu momento foi a esperanza para América Latina, traizoar deste xeito todo aquilo polo que loitou, chegando ao extremo de propó-la prohibición dun dereito tan básico dos traballadores como é a folga... É sabido que o poder corrompe, pero non por iso debemos de perde-la esperanza de que algún día, esto cambie.
Etiquetas: América Latina, Esquerda
Nunha das súas xeniais entrevistas, Jesús Quintero preguntoulle a Jiménez Losantos se cría que había algún risco dun regreso do ultraconservadurismo. Segundo este opinion maker, mentres a dereita mantivese a idea de “España” non había nada que temer. Pero vendo como se está a desenvolve-la vida política nos últimos tempos, eu diría que non é que haxa un perigo de retorno da extrema dereita, é máis grave, xa está aquí.
Os feitos falan por si solos. ¿Foi propia dunha democracia a reacción que houbo ante a concesión da prisión atenuada a De Juana?¿E o que fixeron algúns despois de que o fiscal lle retirase a acusación a Otegi? ¿Un partido democrático proporía un boicot a unha empresa de comunicación coma o Grupo Prisa? Eu penso que non.
No Estado Español, hai un partido que fachendea de defende-lo estado de dereito, pero que á súa vez non ten problema en saír á rúa cando algunha decisión xudicial non lle gusta. Tamén é un partido que defende a liberdade de expresión por riba todo, pero iso si, cando algún medio os critica non dubidan en iniciar un boicot, ou si é un medio vasco, mesmo pechalo. Á súa vez, ese partido ten unha serie de organizacións satélites que en teoría son de vítimas do terrorismo, pero que na práctica fan de censoras de todo aquilo que non responde aos seus intereses (lembremos o caso do grupo vasco Soziedad Alkohólika).
Penso que todos sabemos de quen estou a falar. E penso que todos sabemos que hai xa bastante tempo que se balancean perigosamente o fío da navalla, alí onde a dereita e a extrema dereita se separan
Etiquetas: Euskal Herria, Liberdade de expresión
