Estes días houbo moita lea política e mediática co vixémino aniversario da caída do muro de Berlín. O grande símbolo da desintegración do socialismo real segue a empregarse polos líderes occidentais para reafirmar o modelo político e económico que venceu na Guerra Fría. Pouco importa a crise social que se vive no leste, ou que un 40% da poboación xermano-oriental olle con nostalxia a vella RDA. Moita razón tiña Franciso Frutos cando afirmaba nunha entrevista recente que sobre o muro de Berlín "demagoxias as xustas", que el non estaba a prol da construción de ningunha muralla pero que non lle vale a dobre moral de atacar ao alemán e ollar cara outro lado cando se fala do que edificado polo estado de Israel.
Hoxe, 7 de novembro, tamén estamos de aniversario e ten que ver cos países do leste. Cúmprense 92 anos da Revolución Rusa, a primeira experiencia que constituíu un estado de carácter socialista. Non podemos negar a influencia que tivo a creación da URSS nos movementos de esquerda en todo o mundo. Por fin había un referente, un lugar onde se estaba a aplicar todo aquilo que se predicaba e un modelo para o que mirar. Por este motivo tampouco podemos negar que a caída do bloque soviético supuxo unha enorme conmoción para a esquerda. A desaparición do exemplo a seguir fixo provocou unha desorientación que aínda estamos a vivir a día de hoxe. Se temos dúbida disto, non hai máis que preguntarse por onde están as alternativas de carácter anticapitalista no contexto da crise económica.
Eduardo Galeano dicía sobre a caída da URSS que fomos convidados a un funeral no que o morto non era o noso porque o socialismo que desapareceu non era o das nosas utopías. É importante non esquencer de onde vimos e recoller o positivo de todas estas experiencias que quixeron avanzar na construción dun mundo mellor. Pero tan perigoso é o olvido como a mitificación. A construción dunha alternativa ao sistema capitalista non debe percorrer os vieiros que xa se amosaron equivocados, senón que ten que ser repensada de xeito que se adapte ás novas realidades. Quédome co que dixo Francisco Frutos na entrevista citada un pouco máis arriba.
A veces hemos pensado que teníamos en nuestros textos las verdades históricas para siempre. Y hemos olvidado algo fundamental: el marxismo es el conocimiento de la realidad concreta en el momento concreto. El triunfalismo, pensar que tus ideas son las mejores y que con explicarlas ya se ponen en marcha... No. Hay que conocer la realidad y hacer propuestas.
Nova entrega de "Miércoles en la Redacción", tira cómica que publica a bitácora www.233grados.com. A min fíxome bastante graza.
Etiquetas: Ciberxornalismo, Medios
Ultimamente estase a falar moito dos criterios de obxectividade que emprega a TVG desde que o Partido Popular chegou ao goberno. A primeira advertencia do que nos podía vir enriba tivémola ao pouco de comezar a lexislatura co documentario sobre as vacas tolas no programa Caixa Negra. Agora, após da manifestación de Queremos Galego! o debate sobre o tratamento informativo do medio público voltou á actualidade con maior ou menor fortuna. Neste senso, o exemplo máis sangrante coido que foi a entrevista que lle fixo Carlos Luís Rodríguez a Carlos Callón a pasada semana no programa "Foro Aberto". Agora lembro aquela época na que este señor dedicaba columnas enteiras en El Correo Gallego a loar a xestión de Quintana á fronte do BNG. Nunha das citas máis coñecidas de Mao Zedong viña a dicir que era bo que inimigo nos atacase porque iso significaba que estabamos a facer as cousas ben. Se seguíramos a máxima do vello revolucionario chinés teríamonos dado conta do mal que o debiamos de estar a facer.
Etiquetas: Medios Lingua
Levaba tempo sen escribir na bitácora. Como xa dixen noutras entradas, o traballo e a preguiza pasan factura pero a ver se desta volta me animo e doulle un pouco máis de continuidade a isto (gustaríame saber cantas veces me fixei este obxectivo desde que abriu Revolta Rockeira).
Seguro que moitos de vós, ao mirar que data é hoxe, xa saberedes de que vou falar. Como non podía ser doutro xeito nun doce de agosto, a entrada está dedicada a Moncho Reboiras. Non quero enrrollarme explicando a figura deste histórico militante nacionalista, pois iso xa o fixen noutro post. Mais si que me gustaría facer un par de reflexións. A primeira delas é sobre a importancia de conmemorar a este tipo de figuras. Pódese escoitar en certos sectores do nacionalismo, sobre todo nos chamados "aperturistas", que as homenaxes a Moncho Reboiras e ás loitas daquela época forman parte do pasado e que pouco ou nada inflúen na sociedade de hoxe en día. Pode que non sexa un tema de actualidade, que xa pasaron moitos anos do seu asasinato, mais coido que non debemos perder a memoria. É fundamental coñecer a nosa historia, saber de onde vimos, para poder fixar o rumbo que queremos seguir. Non debemos caer na exaltación dos símbolos pero tampouco prostituílos. Os 12 de agosto débennos servir para recordarmos que é o que nos leva a defender a causa do nacionalismo e da esquerda e lembrar a todos aqueles que deron o mellor das súas vidas por un proxecto no que crían. Incluídos -e isto semella que a UPG o esquece- aqueles que por un ou outro motivo ficaron excluídos do discurso oficial do movemento nacionalista galego pero que traballaron, traballan e traballarán polo mesmo que Reboiras, Bóveda e todos os mártires do pobo galego.
Etiquetas: Nacionalismo
Polo seu interese -e polas poucas ganas de escribir- reproduzo unha carta de Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG.
Día da Patria 2009
Benqueridos/as Compañeiros/as
O 25 de Xullo temos unha cita inescusábel en Santiago de Compostela, o Día da Patria Galega, a grande manifestación de reivindicación dos nosos dereitos nacionais. A esta altura, é ben perguntarse polo estado da nosa patria e non encarar esta data con espírito rotineiro, senón con renovados azos e con grandes doses de entusiasmo.
Como está Galiza? Realmente o país vive un momento difícil, mesmo duro, e con horizontes que apresentan non poucas incertezas. Momentos complexos que requiren de nós, as e os nacionalistas galegos, que deamos o mellor de nós mesmos, porque temos a inmensa responsabilidade de sermos a forza política sobre a que descansa o proxecto nacional galegeo.
A crise económicaestá a afectar gravemente as condicións de vida de centos de miles de compatriotas, a comezar polos máis de 200.000 que neste momento se achan no desemprego. A situación da economía galega e dos seus motores básicos -eis o estado de emerxencia en que se atopa o complexo agro-industria- é francamente delicada, o que compromete o futuro da nosa nación de non reaxirmos con coraxe e sen perda de tempo. No plano político, batemos cun Goberno do señor Feijóo que, aínda sen cumprir os 100 primeiros días de mandato, xa ten amosado a súa faciana máis reaccionaria e anti-galega. Sen ofrecer nen unha soa medida de calado para enfrentar a crise económica, o Goberno Feijóo, no canto de converter a criación de emprego con dereitos na prioridade número un da súa xestión, céntrase obsesivamente nun único obxectivo que non é outro que... A liquidación da lingua galega!
Se temos autogoberno é precisamente porque somos unha nación e porque temos unha lingua propia. Pois ben, o Goberno Feijóo quer pasar á historia por ser o primeiro executivo que tenciona liquidar aquilo -a lingua como símbolo da existencia da nación- que dá sentido e orixe á súa propia existencia como poder politico. Alguén imaxina ao goberno español lexislando contra o castelán? Ao catalán contra o catalán? Ao francés contra o francés?
En menos de 100 días, o Goberno Feijóo xa eliminou o requisito do coñecemento da lingua galega para o acceso á Administración pública. Isto significa que aquí, a xuízo do PP, só hai unha lingua relevante e necesaria. A lingua de Castela. Para o PP, a lingua de Galiza é prescindíbel. Feijóo busca con esta agresión sen precedentes ao idioma do país o aplauso non tanto das súas bases electorais galegas –onde hai sectores que non se senten cómodos con esta medida-, senón dos ideólogos do aznarismo e dos tele e radiopredicadores máis ultras de Madrid.
Non por acaso o BNG ten elixido como lema para o 25 de Xullo o de Movámonos polo noso idioma, polo emprego. Movámonos, si, porque ninguén nos vai tirar as castañas do lume e porque sen mobilización social non será posíbel facermos valer os nosos dereitos como pobo. Polo noso idioma, si, porque está seriamente ameazado pola dereita española en Galiza e polas súas poderosas terminais mediáticas. E polo emprego, porque agora máis que nunca é preciso pormos o traballo como centro de gravidade dun novo modelo de economía produtiva ligado ao dereito a traballarmos con dignidade na propia terra, tal e como reclamaba Castelao no Sempre en Galiza.
Ninguén pode ficar na casa o Día da Patria Galega. Debemos protagonizar todos e todas un Día da Patria masivo que sexa a resposta contundente que merecen as políticas antisociais e antigalegas do Partido Popular. Agora máis que nunca é necesario que o nacionalismo mobilice todas as súas enerxías para defender o País fronte a aqueles que o desprezan. Agora máis que nunca é necesario comprometerse con Galiza. Ánimo e até vérmonos nas rúas de Compostela!
Etiquetas: BNG, Nacionalismo
Levaba días querendo escribir algo sobre a lingua do país pero, entre o traballo e a preguiza, funo deixando de lado. Hoxe pasáronme un vídeo que saiu no programa "Ben falado" que me impresionou enormemente. Creo que nada do que puidera escribir igualaría as verbas da anciá autora desta carta. Desfrutádeo.
Etiquetas: Lingua
Dereita dos anos trinta, un artigo de Xavier Vence
1 Voces ceibes Falou Duarte Romero Varela ás 01:38Estes días ando un pouco liado por mor dos exames, mais quero seguir dándolle continuidade a esta bitácora. É por iso que desta volta non actualizarei con material propio, senón cun artigo do economista Xavier Vence que foi publicado este sábado no Xornal de Galicia. Sen dúbida, unha das mentes máis lúcidas que ten este país en xeral e o movemento nacionalista en particular.
DEREITA DOS ANOS TRINTA
Pode dicirse sen o cliché dos calificativos históricos pero o certo é que a dialéctica política da dereita neste país –e tamén noutros– recupera cada vez máis o ton dos anos trinta. Son moitas as coincidencias con aqueles anos. Hoxe coma daquela, vivimos unha depresión que resulta do fracaso dun modelo de liberalismo económico extremo. A desvalorización dos activos, das accións, a queda dos prezos e o endebedamento insoportable introducen o pánico nas capas dos autónomos e pequenos empresarios que ven perigar o seu status e os seus negocios; tamén moitos pequenos inversores inmobiliarios. O paro galopante leva inseguridade e creba financeira a uns fogares que viven ao límite. Coma daquela.
Pois ben, a dereita está a erguer un discurso mimético ao daqueles anos de trincheiras e “cristais rompidos”. Diante do acurralamento e crise do seu modelo socioeconómico bota man dun discurso radical, de fuxida cara adiante, con palabras gordas e moito odio visceral. A falla de alternativas reais á crise lévaos a recuperar o patriotismo resentido e ameazante: “España está en peligro”, “España se rompe”, “el español está en peligro”. O galego é un invento caprichoso dos nacionalistas para amolar e erradicar o español.
Non existe o dereito, existe o poder, a liberdade primaria non suxeita a normas. Recuperan os valores máis reaccionarios da moral católica tradicional: o fundamentalismo relixioso érguese por riba das leis civís; a liberdade individual –dogma no económico– supedítase aquí aos valores impostos pola tradición e a xerarquía eclesiástica entregada á última cruzada: familia tradicional, aborto, anticonceptivos, preservativo, mesmo por riba de perentorios motivos de saúde pública. Non importa que estea en aberta contradicción coa vida real dos que se erixen en abandeirados: a dereita usa anticonceptivos, aborta, divorciase, practica a homosexualidade, etc, etc. O importante é a moral proclamada para imporlla ao vulgo –dominio do corpo e do ser– e sobre todo erguela como bandeira que tape a falta de respostas para a crise do modelo social.
A inversión da realidade, a mentira reiterada son requisitos para impoñer unha axenda baseada na sectarización irracional, a crispación, o encirramento, as adhesións inquebrantábeis. O débil é o que impón; o agredido é o agresor; o corrupto é vítima dos inquisidores... Ese radicalismo neocon é un fenómeno mundial que aquí ven remexido, coma nos tempos de José Calvo Sotelo, coa sacrosanta unidade da patria ameazada pola imposición dos exércitos regulares dos nacionalismos disgregadores. Mesmo as autonomías –e as linguas– son un perigo para unidade de mercado, salvo cando quen racha é Esperanza Aguirre. Fronte a esas ideas –vellas– a diletante esquerda posmoderna parece ter só dúbidas e complexos. Non é tanto un problema de novas ideas, como de ter ideas e saber defendelas. Entretanto, o metal e os tractores van por diante.
Xavier Vence Deza en Xornal de Galicia
Etiquetas: Esquerda, Nacionalismo
Hei de recoñecer que nos últimos tempos deixei un pouco de lado dous xéneros que sempre me caracterizaron: o metal e o rock. Estiven camiñando por outros derroteiros como o folk, o punk, o ska ou mesmo a música de autor. Esta viaxe musical permitiume abrir miras, pero agora volvo a sentir a chamada dese son duro e potente que marcou boa parte da miña vida. Estou volvendo a ler as revistas especializadas, a porme ao día no mundiño, a escoitar os clásicos e a actualizarme cos novos lanzamentos. É por iso que quero dedicar esta entrada a un dos eventos heavys máis senlleiros dos Estado Español. Falo, como non podía ser doutro xeito, do Metalway Festival.
Todos lembramos con tristura, como a edición do pasado ano tivo que ser cancelada no último momento por mor da choiva. Por iso, este ano os que amamos esta música temos a necesidade de nos quitar esa espiña e poder desfrutar desta grande cita metaleira. Para máis inri, o festival durará catro días divididos en dúas fins de semana (a do 20-21 e a do 26-27) e nel producirase a reunión de dúas grandes banda de rock: Barón Rojo e Warlock. Por primeira vez desde 1989, os irmáns de Castro volverán a pisar o escenario acompañados de Sherpa e Hermes Calabria, recuperando así a formación que fixo de Barón a máis grande banda do heavy español. Pola súa parte, a cantante alemana Doro Pesch xuntarase unha vez máis coa formación orixinal de Warlock, o grupo que lle permitiu dar o salto á fama.
Se tan só por estas dúas reunións xa pagaría a pena ir a Zaragoza, vaísevos facer a boca auga ao ver a lista das bandas que tocarán neste Metalway Festival: Manowar, Mötorhead, Twisted Sister, Stratovarius, Queensryche, WASP, Europe, Fear Factory, Warcry, Childern of Bodom, Saxon, Gotthard e un longuísimo etc! E por se fose pouco, un día antes do comezo do festival, terá lugar unha festa de benvida na que tocarán a portas abertas nada máis e nada menos que Obús e Ángeles del Infierno!
Sen dúbida, o Metalway estase a converter nunha cita inexcusábel no programa de festivais metaleiros en Europa. Nestes momentos é cando maldigo que para as datas nas que se vai celebrar aínda estea en exames, senón tería feito todo o posíbel para estar en Zaragoza as dúas fin de semanas nas que haberá concertos. Por se a alguén lle interesa, de Galiza saen dúas viaxes organizadas. Unha da man da empresa Metaltrip e outra de Breakpoint. Con estes últimos eu fun ver a Iron Maiden a Lisboa e o certo é que quedei bastante contento con como foi todo. Da outra empresa non teño referencias. De tódolos xeitos, creo que calquera dos que nos gusta esta música iriamos se fai falla andando con tal de poder disfrutar deste enorme festival.
LONG LIVE ROCK´N ROLL!
- A veces haces planes y las cosas se complican y entonces tienes que actuar. Con rapidez, ¿entiendes?
- Sí
- Tengo que arreglar unas cosas fuera.
- ¿Una evasión?
- Sí, ¿quieres venir?A Grande Evasión, John Sturges (1963)
A Grande Evasión é o novo disco de Ataque Escampe. Musicalmente, é continuador dos seus anteriores álbums, Ed Woods e a invasión dos paraugas asasinos e Galicia es una mierda. Porén, nalgunhas cancións desta nova obra aparecen timidamente algúns acordes electrificados, como pode ser o caso de Narval, o cuarto corte de A Grande Evasión. No que as letras se refire, seguen a ter unha complexidade abraiante. Pódelas ter lido e escoitado un cento de veces que sempre atoparás algo novo. É sorprendente a cantidade de referenzas a clásicos do cinema, da música ou da literatura que viaxan polos textos de Ataque Escampe e que aparecen perfectamente ensamblados nas pequenas historias que nos contan en cada canción. Se cadra, neste disco vexo menos referencias á vida local de Compostela e en concreto a Vistalegre, o seu barrio natal. No álbum anterior, Galicia es una mierda, parecía que nos estabamos a mergullar pola movida nocturna da capital ao percorrermos lugares de culto como o Tarasca, o Maycar ou o Ruta. De tódolos xeitos, este feito non fai desemerecer en absoluto o traballo de Ataque Escampe. Tan só lle dá un toque diferente.
En resumo, A Grande Evasión é un disco que serve para consagrar a Ataque Escampe como unha das mellores bandas do panorama musical galego. Música orixinal, divertida, con letras acedas e que desde logo non deixan indiferente.
Como é habitual, o álbum está editado en A Regueifa Discos e pode descargarse gratuitamente desde o seu netlabel, xa que Ataque Escampe fan unha aposta decididad polo copyleft.
A chegada do PP á CRTVG xa se comeza a notar. Censurouse un documentario sobre a crise das vacas tolas, o comité de empresa alzou a súa voz en contra dos novos nomeamentos e programas como Aberto por Reformas perden a súa frescura orixinal ao mudar tanto os contidos como o locutor. Neste sentido gustaríame publicar nesta bitácora un manifesto promovido polo portal musical Komunicando, no que se denuncia o despedimento de Xurxo Souto da Radio Galega e a conseguinte desparición da música galega de Aberto por Reformas.
MANIFESTO BÁSICO POLA DEFENSA DA RTVG.
Contra a censura e a marxinación da música galega.
" Artigo 16 da lei 9/1984 da RTVG: A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega “.
Diante da eliminación da música galega do programa ABERTO POR REFORMAS , e en relación coa deformación e perversion dos seus contidos…
Consideramos que este programa viña sendo…...e por iso...
- Un programa plural, aberto á cidadanía e participativo, como a sociedade na que queremos vivir e, precisamente por iso, um programa onde a música se vivía con vitalidade, intensidade e enerxía.
- Un programa cun forte pulo dinamizador para a música que se está a facer hoxe na nosa lingua, no noso país, como un espello diario no que a xente preocupada pola música de calquer tendencia ollabamos unha realidade socio-cultural que está a transformar a historia da nosa música.
- Un programa, enraizado na radio de todos e todas as galegas, cunha vocación pública fundamental, ofrecendo a música que se está a facer no nosso país como un ben público de interese xeral.
- Un programa que axudaba a tecer os fios da rede socio-cultural da música galega, que nos relaciona ás persoas que facemos a música do século XXI coas persoas que queren gozar, emocionarse e vivir a música do presente.
- Un programa que, durante os seus máis de 900 (¿?¿¿) días de emisión, día a día, fixo que –como recolle o Plan Xeral de Normalización da Língua Galega , aprovado por consenso polos tres partidos políticos maioritarios- o galego estivese vinculado e fose vivido por milleiros de persoas como referente de modernidade, como un motor de normalidade língüística cotiá.
- Un programa que materializaba de forma sobresaliente a natureza e principios da propia CRTVG, no artigo primeiro da súa Lei de Creación: a promoción, difusión e impulso da lingua galega .
- Un programa que, nun contorno social e mediático onde a cultura, a lingua e a música galega son minoritarias, minorizadas e desprezadas por múltiplos agentes sociais e institucionais, se baseaba na posta en valor da nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música.
- Un programa absolutamente xeneroso, respectuoso e honesto nas relacións humanas coa xente que está criar, a comunicar, a compartir, a impulsar, a gozar coa música deste país.
- Un programa, ademais, aberto a culturas e músicas de todo o planeta, poñendo a música galega en relación -en pé de igualdade- coa doutras partes do mundo, con especial interese polas músicas irmás da Lusofonía.
- Entendemos que esta medida de eliminación da música en língua galega supón un paso máis na política de represión, empobrecemento e marxinación que os responsábeis políticos da Xunta de Galiza están a realizar contra a lingua e a cultura dos galegos e galegas.
- Queremos denunciar, como xente preocupada pola nosa música e a nosa cultura, esta agresión dirixida –cunha intención política e simbólica evidente- contra un dos veículos de comunicación do movimento de Rexurdimento Musical que as novas xerazóns do mundo da música estamos a protagonizar, impulsado por unha sociedade que sabe valorar a sua criatividade.
- Queremos posicionarnos e defender de forma decidida, belixerante e irrenunciábel a presenza da música galega na nosa Radio Pública.
- Queremos dirixirnos á xente sensível coa nosa cultura e coa nosa música, para sumarse a esta denuncia, a esta reivindicación lexítima: A MÚSICA GALEGA DE VOLTA Á RÁDIO GALEGA!
- Pedimos que se restableza un programa diario que de conta dos traballos musicais editados en galego e que conte cos seus protagonistas e que a nova programación non elimine contidos culturais propios en todas as súas variantes: música, cine, libros e arte en xeral.
Se queres asinar este manifesto, non tes máis que clicar aquí e enviar os teus datos.
Hai xa catro meses da manifestación contra o galego organizada por Galicia Bilingüe, pero aínda hoxe seguimos a ver as súas consecuencias. Tal e como informa Vieiros, a Delegación do Goberno español en Galiza comezou a mandar esta semana as primeiras sancións a algunhas das persoas que participaron nas mobilizacións contrarias á marcha antigalega. Entre elas atópanse varios activistas que fixeron parte da acción ridiculista organizada polo colectivo Sei o que nos figestes nos últimos 525 anos. Este grupo demostrou con feitos unha frase que lle escoitei unha vez a Ramom Lôpez-Suevos: pódese ser radical e sensato. No canto de lanzarse como animais sobre os de Galicia Bilingüe, a xente de Seioque deulle unha pensada ao asunto e apostou por unha acción efectiva, pacífica e con sentido do humor. Mentres algúns pretendían defender a lingua a botellazos, eles disfrazáronse cos tópicos españois e sumáronse á marcha de Galicia Bilingüe con máis forza que ninguén. Iso si, pronto atoparon cunha policía tremendamente violenta que mallou neles polo simple feito de empregar un humor intelixente. Segundo Vieiros, dúas das persoas que participaron nesta acción recibiron avisos de sanción nos que os acusaban de "orixinar graves desordes nas vías, espazos ou estabelecementos públicos, ou causar danos graves aos bens de uso público".
Etiquetas: Lingua, Movementos sociais, Represión
URXENTE: 10.000 euros para calarlle a boca a Conde Roa
0 Voces ceibes Falou Duarte Romero Varela ás 20:28Etiquetas: Movementos sociais
Durante as últimas semanas, os Comités estiveron a desenvolver unha intensa campaña en contra da reforma do actual CAP baixo o lema “que non te CAPen co mestrado” que cristalizou no día de hoxe nunha xornada de loita en todo en todo o país.
O desenvolvemento desta campaña amosou certas diferenzas a respecto doutras desenvolvidas polos Comités nos últimos anos. O modus operandi que estaba a empregar a organización estudantil até o momento era o seguinte:
1º. Seleccionábase unha reivindicación relacionada co proceso de Boloña de xeito que se puidese amosar como unha batalla concreta no marco dunha loita moito máis ampla contra a implantación do EEES. Froito deste razoamento naceron campañas como as de oposición á suba das taxas ou a defensa dun mellor financiamento público.
2º. Convocábase unha xornada de folga en todo o país con concentracións ou manifestacións nos 7 campus.
3º. Comezaba unha intensa campaña de divulgación. Os membros dos Comités enchían tódalas facultades de pancartas, repartían milleiros de voandeiras e recollían o maior número posíbel de sinaturas en apoio á campaña en cuestión.
4º. Durante a xornada de folga, os Comités organizaban piquetes informativos que ían facultade por facultade informando do paro aos estudantes que pretendían ir a aulas.
5º. Celebrábase a concentración ou a manifestación (dependendo do número de xente)
Mais este modelo estaba claramente estancado, tal e como se puido comprobar en anteriores convocatorias. A pesar de que se gastaba un enorme capital humano e material en explicar as reivindicacións e instar ao estudantado a que secundase a folga e acudise ás manifestacións, a resposta era bastante negativa. Exceptuando na primeira mobilización en contra da suba das taxas (hai xa case dous anos disto), as xornadas de folga convocadas polos Comités servíanlle á xente como escusa para faltar a clase e/ou marchar para casa e moi poucas persoas acudían ás concentracións. Ficaba claro a estudantado non lle prestaba moita atención nin ás pancartas que cubrían as paredes da facultades, nin aos milleiros de voandeiras repartidas, nin tampouco ás reivindicacións a prol das que asinaban. Os Comités tiñan un problema grave á hora de interactuar co estudantado.
Nesta última campaña en contra da reforma do CAP, os Comités pretenderon mudar algunha das vellas prácticas de cara a mellorar o xeito de dirixirse ao estudantado. En primeiro lugar, eliminouse a tradicional folga de día enteiro e substituíuse por unha “xornada de loita” que se debería concretar nunha actividade máis imaxinativa e atractiva para o alumnado. No caso da USC elixiuse un enterro simbólico da universidade. Por outra banda, apostouse por uns métodos de propaganda “diferentes”. Nalgunhas facultades colocáronse polos corredores caixas que representaban as distintas trabas que se atopaban os estudantes (CAP, mestrado, Boloña, taxas...), penduráronse esquelas das paredes que chamaban á xente a acudir ao enterro da universidade pública e mesmo se formulou a idea de organizar unha pequena obra de teatro, aínda que ao final non fose levada á práctica. Pero o que realmente diferenciou esta campaña de outras foi que dous días antes da xornada de loita, 8 membros dos Comités se pechaban na reitoría da USC.
E cales foron os resultados desta campaña? Principalmente dous. En primeiro lugar que o peche facilitou que se abriran negociacións coas autoridades universitarias cuxos resultados se saberán nos vindeiros días. En segundo lugar que o número de asistentes ao “enterro da universidade” aumentou lixeiramente a respecto de anteriores convocatorias. Uns 200 estudantes aproximadamente participaron na manifestación.
Non me gusta pontificar nin sentar cátedra pero si que querería formular unha serie de reflexións que poidan contribuír a unha análise desta campaña.
Deben conformarse os Comités con sacar á rúa a 200 persoas? Só con botar unha breve ollada á historia do Movemento Estudantil Nacionalista penso que 200 persoas non son abondo. O estudantado galego ten amosado en moitas ocasións que ten capacidade de mobilización e que se pode aspirar a xuntar a moita máis xente en torno a unha reivindicación como a do novo mestrado. Se o Sindicato de Estudiantes, malia ser unha organización pantasma, foi quen de sacar á rúa a case un milleiro de persoas, os Comités non se poden contentar con 200.
Estaba ben orientada esta campaña? En facultades como historia ou filoloxía o CAP e o mestrado son un problema moi grave, pero en outros centros xa non é que non sexa unha preocupación, senón que en moitos casos non saben nin o que é o antigo CAP. Se cadra en moitas facultades estábase a facer un traballo moi grande en explicar un problema que non lles afecta directamente e deixábanse de lado outras reivindicacións de maior interese para o estudantado.
Se non hai capacidade para facer un peche en condicións débese facer igual? É evidente que non hai nada máis efectivo como que o estudantado dunha facultade se peche nela durante varios días, pero tamén é evidente que a correlación de forzas a día de hoxe non permitía tal cousa. Por este motivo búscanse outros lugares para fecharse como a reitoría. Non me cabe a menor dúbida de que o feito de que aínda hoxe haxa 8 compañeiros diante do despacho dun vicerreitor serviu para forzar unha negociación. Agora ben, non pode dar a imaxe de que é unha “pataleta” e que non é cousa seria por non ter pechado un edifico enteiro? Non o sei, teño dúbidas.
O feito de que os Comités só leven a 200 persoas a unha manifestación débese a un erro na campaña ou unha mala práctica no día a día? Mao dicía que os revolucionarios debían ser “peixes na auga”. Non estarán a caer a día de hoxe tódalas organizacións estudantís no erro de estar tan separados do alumnado que non son quen de facer un traballo de concienciación no día a día?
Son só unhas reflexións abertas que me foron vindo á cabeza despois da xornada de loita. Están un pouco desordenadas e nalgúns casos pouco desenvolvidas, pero creo que todos os que participamos no Movemento Estudantil Nacionalista debemos facer unha reflexión crítica e construtiva desta campaña. É o único xeito de evitarmos caer nos mesmos erros e avanzar na construción dun ensino PÚBLICO, GALEGO, DEMOCRÁTICO e de CALIDADE.
Venceremos nós!
Etiquetas: Boloña, Comités, Universidade
O pobo de Ferrolterra sairá outra vez á rúa en defensa de palestina
1 Voces ceibes Falou Xan Guindán ás 14:55
Diferentes organizacións e colectivos de Ferrolterra, veñen de convocar unha nova concentración en repulsa ás agresións imperialistas que está a sufrir o pobo palestino por parte do estado de Israel. Desde que comezou a invasión, van xa máis de 500 persoas mortas e 3000 feridas, a meirande parte deles civís indefensos. Cómpre que a sociedade galega dea unha resposta unitaria en contra deste xenocidio, que tome as rúas para reclamarlle ás autoridades españolas e europeas, a ruptura de relacións comerciais e diplomáticas co estado terrorista de Israel. É por iso que é de máxima importancia que o pobo de Ferrolterra secunde masivamente a concentración que diferentes organizacións e colectivos convocan para este venres ás 20.00 horas fronte á delegación da Xunta en Ferrol.A continuación, reproducimos o texto da voandeira que Galiza Nova -unha das organizacións convocantes- repartirá nesta concentración.
GAZA: DETEÑAMOS O EXTERMINIO DO POBO PALESTINO!Nestes últimos días a aviación israelita está a realizar intensos bombardeos sobre o territorio palestino da Faixa de Gaza. O número de mortos xa supera os seiscentos e o de feridos elévase a máis de 2600 persoas. As vítimas desta agresión intencionada e ilexítima non só son combatentes palestinos, senón, sobre todo, a poboación civil indefensa.
Foron tamén destruídas instalacións civís, como a universidade ou edificios da administración pública, así como tamén dúas escolas e un hospital da ONU, baixo a falaz escusa de que son instalacións terroristas, mais este argumento é completamente inaceptábel.
Ademais dos bombardeos sistemáticos, Israel concentrou gran cantidade de tanques e tropas na fronteira coa Faixa de Gaza, como paso previo a unha invasión terrestre que xa ten comezado. Intensificouse tamén o asedio ao que foi sometido dende fai meses este territorio, bloqueando a entrada de suministros elementais para a poboación civil.
Nunha demostración máis das intencións do goberno israelí, o ministro de Defensa Ehud Barak declarou o país “totalmente en guerra” contra os palestinos.
A paz na rexión semella cada vez máis lonxe e só se poderá converter en realidade cando sexan respectadas a soberanía e a independencia dos países do Oriente Medio, e atendidas as lexítimas reivindicacións históricas do pobo palestino.
Dende Galiza Nova Ferrolterra (Ferrolterra, Eume e Ortegal), queremos expresar con rotundidade a nosa profunda e activa repulsa contra deste masacre que o único que pretende é someter pola vía da violencia ao pobo palestino.
Esiximos o inmediato cesamento dos bombardeos, a suspensión das hostilidades e do feche na fronteira coa Faixa de Gaza.
Solicitamos a imposición de sancións internacionais contra do estado de Israel, así como a suspensión de toda relación económica e diplomática, polo seu reiterado incumprimento dos mandatos da ONU, e tendo en conta que os bombardeos contra obxectivos civís, están tipificados como crimes de guerra pola IV Convención de Xenebra.
Finalmente facemos un chamamento ao conxunto da sociedade, e nomeadamente á mocidade, a sumarse ao clamor internacional en defensa do pobo palestino e da paz no mundo, reafirmando ao tempo o apoio á loita polo fin da ocupación, e pola creación do estado libre e independente de Palestina.
VIVA PALESTINA LIBRE !
CONCENTRACIÓN EN DEFENSA DO POBO PALESTINO
Hora: 20.00
Lugar: fronte ao edificio da Xunta de Galicia de Ferrol
Convocantes: ADEGA, Asociación Fervesteiro, Asociación Cultural Fuco Buxa, Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga", Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño", Acsur-Las Segovias, Briga, Comité de Empresa de MEGASA, Confederación Sindical Galega (CIG), Colectivo Ártabra 21, Esquerda Unida,, Fundaçom Artábria, Galiza Nova, Marcha Mundial das Mulheres, NÓS-Unidade Popular (NÓS-UP), OSPAAL Galicia, Partido comunista de Galicia (PCG), Siareir@s Galeg@s, Sindicato Comarcal de CCOO, Verdegaia.
Etiquetas: Galiza Nova, Movementos sociais, Palestina
Hai xa oito días que o estado de Israel comezou un novo ataque militar na franxa de Gaza. Amparándose na "loita contra o terrorismo de Hamás", está a perpetrar masacres indiscriminadas contra o pobo palestino.
Etiquetas: Movementos sociais, Palestina
