Estes días houbo moita lea política e mediática co vixémino aniversario da caída do muro de Berlín. O grande símbolo da desintegración do socialismo real segue a empregarse polos líderes occidentais para reafirmar o modelo político e económico que venceu na Guerra Fría. Pouco importa a crise social que se vive no leste, ou que un 40% da poboación xermano-oriental olle con nostalxia a vella RDA. Moita razón tiña Franciso Frutos cando afirmaba nunha entrevista recente que sobre o muro de Berlín "demagoxias as xustas", que el non estaba a prol da construción de ningunha muralla pero que non lle vale a dobre moral de atacar ao alemán e ollar cara outro lado cando se fala do que edificado polo estado de Israel.
Hoxe, 7 de novembro, tamén estamos de aniversario e ten que ver cos países do leste. Cúmprense 92 anos da Revolución Rusa, a primeira experiencia que constituíu un estado de carácter socialista. Non podemos negar a influencia que tivo a creación da URSS nos movementos de esquerda en todo o mundo. Por fin había un referente, un lugar onde se estaba a aplicar todo aquilo que se predicaba e un modelo para o que mirar. Por este motivo tampouco podemos negar que a caída do bloque soviético supuxo unha enorme conmoción para a esquerda. A desaparición do exemplo a seguir fixo provocou unha desorientación que aínda estamos a vivir a día de hoxe. Se temos dúbida disto, non hai máis que preguntarse por onde están as alternativas de carácter anticapitalista no contexto da crise económica.
Eduardo Galeano dicía sobre a caída da URSS que fomos convidados a un funeral no que o morto non era o noso porque o socialismo que desapareceu non era o das nosas utopías. É importante non esquencer de onde vimos e recoller o positivo de todas estas experiencias que quixeron avanzar na construción dun mundo mellor. Pero tan perigoso é o olvido como a mitificación. A construción dunha alternativa ao sistema capitalista non debe percorrer os vieiros que xa se amosaron equivocados, senón que ten que ser repensada de xeito que se adapte ás novas realidades. Quédome co que dixo Francisco Frutos na entrevista citada un pouco máis arriba.
A veces hemos pensado que teníamos en nuestros textos las verdades históricas para siempre. Y hemos olvidado algo fundamental: el marxismo es el conocimiento de la realidad concreta en el momento concreto. El triunfalismo, pensar que tus ideas son las mejores y que con explicarlas ya se ponen en marcha... No. Hay que conocer la realidad y hacer propuestas.
Nova entrega de "Miércoles en la Redacción", tira cómica que publica a bitácora www.233grados.com. A min fíxome bastante graza.
Etiquetas: Ciberxornalismo, Medios
Ultimamente estase a falar moito dos criterios de obxectividade que emprega a TVG desde que o Partido Popular chegou ao goberno. A primeira advertencia do que nos podía vir enriba tivémola ao pouco de comezar a lexislatura co documentario sobre as vacas tolas no programa Caixa Negra. Agora, após da manifestación de Queremos Galego! o debate sobre o tratamento informativo do medio público voltou á actualidade con maior ou menor fortuna. Neste senso, o exemplo máis sangrante coido que foi a entrevista que lle fixo Carlos Luís Rodríguez a Carlos Callón a pasada semana no programa "Foro Aberto". Agora lembro aquela época na que este señor dedicaba columnas enteiras en El Correo Gallego a loar a xestión de Quintana á fronte do BNG. Nunha das citas máis coñecidas de Mao Zedong viña a dicir que era bo que inimigo nos atacase porque iso significaba que estabamos a facer as cousas ben. Se seguíramos a máxima do vello revolucionario chinés teríamonos dado conta do mal que o debiamos de estar a facer.
Etiquetas: Medios Lingua
Levaba tempo sen escribir na bitácora. Como xa dixen noutras entradas, o traballo e a preguiza pasan factura pero a ver se desta volta me animo e doulle un pouco máis de continuidade a isto (gustaríame saber cantas veces me fixei este obxectivo desde que abriu Revolta Rockeira).
Seguro que moitos de vós, ao mirar que data é hoxe, xa saberedes de que vou falar. Como non podía ser doutro xeito nun doce de agosto, a entrada está dedicada a Moncho Reboiras. Non quero enrrollarme explicando a figura deste histórico militante nacionalista, pois iso xa o fixen noutro post. Mais si que me gustaría facer un par de reflexións. A primeira delas é sobre a importancia de conmemorar a este tipo de figuras. Pódese escoitar en certos sectores do nacionalismo, sobre todo nos chamados "aperturistas", que as homenaxes a Moncho Reboiras e ás loitas daquela época forman parte do pasado e que pouco ou nada inflúen na sociedade de hoxe en día. Pode que non sexa un tema de actualidade, que xa pasaron moitos anos do seu asasinato, mais coido que non debemos perder a memoria. É fundamental coñecer a nosa historia, saber de onde vimos, para poder fixar o rumbo que queremos seguir. Non debemos caer na exaltación dos símbolos pero tampouco prostituílos. Os 12 de agosto débennos servir para recordarmos que é o que nos leva a defender a causa do nacionalismo e da esquerda e lembrar a todos aqueles que deron o mellor das súas vidas por un proxecto no que crían. Incluídos -e isto semella que a UPG o esquece- aqueles que por un ou outro motivo ficaron excluídos do discurso oficial do movemento nacionalista galego pero que traballaron, traballan e traballarán polo mesmo que Reboiras, Bóveda e todos os mártires do pobo galego.
Etiquetas: Nacionalismo
Polo seu interese -e polas poucas ganas de escribir- reproduzo unha carta de Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG.
Día da Patria 2009
Benqueridos/as Compañeiros/as
O 25 de Xullo temos unha cita inescusábel en Santiago de Compostela, o Día da Patria Galega, a grande manifestación de reivindicación dos nosos dereitos nacionais. A esta altura, é ben perguntarse polo estado da nosa patria e non encarar esta data con espírito rotineiro, senón con renovados azos e con grandes doses de entusiasmo.
Como está Galiza? Realmente o país vive un momento difícil, mesmo duro, e con horizontes que apresentan non poucas incertezas. Momentos complexos que requiren de nós, as e os nacionalistas galegos, que deamos o mellor de nós mesmos, porque temos a inmensa responsabilidade de sermos a forza política sobre a que descansa o proxecto nacional galegeo.
A crise económicaestá a afectar gravemente as condicións de vida de centos de miles de compatriotas, a comezar polos máis de 200.000 que neste momento se achan no desemprego. A situación da economía galega e dos seus motores básicos -eis o estado de emerxencia en que se atopa o complexo agro-industria- é francamente delicada, o que compromete o futuro da nosa nación de non reaxirmos con coraxe e sen perda de tempo. No plano político, batemos cun Goberno do señor Feijóo que, aínda sen cumprir os 100 primeiros días de mandato, xa ten amosado a súa faciana máis reaccionaria e anti-galega. Sen ofrecer nen unha soa medida de calado para enfrentar a crise económica, o Goberno Feijóo, no canto de converter a criación de emprego con dereitos na prioridade número un da súa xestión, céntrase obsesivamente nun único obxectivo que non é outro que... A liquidación da lingua galega!
Se temos autogoberno é precisamente porque somos unha nación e porque temos unha lingua propia. Pois ben, o Goberno Feijóo quer pasar á historia por ser o primeiro executivo que tenciona liquidar aquilo -a lingua como símbolo da existencia da nación- que dá sentido e orixe á súa propia existencia como poder politico. Alguén imaxina ao goberno español lexislando contra o castelán? Ao catalán contra o catalán? Ao francés contra o francés?
En menos de 100 días, o Goberno Feijóo xa eliminou o requisito do coñecemento da lingua galega para o acceso á Administración pública. Isto significa que aquí, a xuízo do PP, só hai unha lingua relevante e necesaria. A lingua de Castela. Para o PP, a lingua de Galiza é prescindíbel. Feijóo busca con esta agresión sen precedentes ao idioma do país o aplauso non tanto das súas bases electorais galegas –onde hai sectores que non se senten cómodos con esta medida-, senón dos ideólogos do aznarismo e dos tele e radiopredicadores máis ultras de Madrid.
Non por acaso o BNG ten elixido como lema para o 25 de Xullo o de Movámonos polo noso idioma, polo emprego. Movámonos, si, porque ninguén nos vai tirar as castañas do lume e porque sen mobilización social non será posíbel facermos valer os nosos dereitos como pobo. Polo noso idioma, si, porque está seriamente ameazado pola dereita española en Galiza e polas súas poderosas terminais mediáticas. E polo emprego, porque agora máis que nunca é preciso pormos o traballo como centro de gravidade dun novo modelo de economía produtiva ligado ao dereito a traballarmos con dignidade na propia terra, tal e como reclamaba Castelao no Sempre en Galiza.
Ninguén pode ficar na casa o Día da Patria Galega. Debemos protagonizar todos e todas un Día da Patria masivo que sexa a resposta contundente que merecen as políticas antisociais e antigalegas do Partido Popular. Agora máis que nunca é necesario que o nacionalismo mobilice todas as súas enerxías para defender o País fronte a aqueles que o desprezan. Agora máis que nunca é necesario comprometerse con Galiza. Ánimo e até vérmonos nas rúas de Compostela!
Etiquetas: BNG, Nacionalismo